Democracia

é decidir

Plataforma Galiza con Catalunya

Flickr

 
 

II Manifesto de solidariedade con Catalunya


GALIZA POLA DEMOCRACIA E O DIREITO A DECIDIR


II Manifesto de solidariedade con Catalunya
Tal como dicíamos o ano pasado, o pobo catalán atópase diante dunha das máis importantes encrucilladas da súa historia, a só uns días dunha histórica cita electoral que ten adquirido, malia negativa do Estado, un verdadeiro carácter plebiscitario. O vindeiro día 27, o povo catalán ten a oportunidade de definir nas súas institucións até agora autonómicas unha maioría política que declare formalmente a independencia e transforme o seu país nun novo Estado no concerto dos Estados do mundo.

Até hoxe, os diferentes intentos de encaixar Cataluña no marco español foron sempre respondidos con negativas, recurtes e becos sen saída que acabaron demostrando que o exercicio unilateral da democracia e do dereito a decidir é a única vía real para a resolución do conflito. O rápido crecemento do independentismo até se tornar un auténtico movemento de masas e mais a súa transversalidade demostran, nos últimos anos, a imposibilidade de constrinxir a situación ás estreitas e inoperantes marxes que prevé o Estado español para o exercicio democrático. Un Estado español que, entre outras cousas, negou o dereito ao voto e ameazou a poboación, e procesou diversos axentes pola consulta democrática que a sociedade civil catalá promoveu a respeito da independencia de Cataluña o pasado 9 de novembro.

España continúa a ampararse na lexislación herdada da ditadura, nomeadamente na Constitución Española, para afirmar unha e outra vez que é imposíbel calquera mudanza do marco institucional, mais o certo é que poucos povos do mundo puideron exercer o seu direito de autodeterminación sen previamente teren proclamado unilateralmente a súa independencia formal. Novamente, diante das ameazas xurídicas, políticas, mediáticas e policiais lanzadas polo goberno de Madrid, as organizacións que asinamos este manifesto queremos transmitir a nosa solidariedade ao povo catalán, así como o noso apoio ás forzas políticas que, por diversas vías, se apresentan a estas eleccións plebiscitarias o 29 de setembro coa intención de atinxir unha maioría suficiente para proceder á declaración da Independencia.

Como hai un ano, apoiamos tamén o direito do conxunto dos Países Cataláns a decidir o seu futuro polos motivos que entón expuxemos: por un elemental sentimento de solidariedade con todos os povos do mundo e polo apoio incondicional ao exercicio do direito de autodeterminación como posesión inalienábel de calquera nación. Somos tamén conscientes, como entón, de que a abertura que hoxe está a protagonizar o povo catalán contribuirá a normalizar a nosa propia aposta pola liberdade e a soberanía plena de Galiza. As organizacións que apoiamos este manifesto facémolo conscientes de que a cuestión nacional se ten convertido nun verdadeiro punto fraco do rexime político español instalado na Transición, e que hoxe constitúe a principal vía de ruptura precisamente co sistema que o alimenta.

Finalmente, e do mesmo xeito que na anterior ocasión, as asinantes desta Plataforma Galiza con Catalunya animamos a numerosa comunidade galego-catalá a se implicar nestas eleccións plebiscitarias, participando activamente a favor da independencia da súa segunda patria, coa confianza de que algún día participen tamén na liberación da primeira.

Organizacións asinantes:

Agir
Agora Galiza
Anova - Irmandade Nacionalista
Asociación Cultural A Galleira
Bloque Nacionalista Galego
Briga
Causa Galiza
Cerna
Colectivo Nacionalista de Marín
Confederación Intersindical Galega
Frente Popular Galega
Galiza Nova
Isca!
Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
Movemento Galego ao Socialismo
Movimento Continental Bolivariano - Capítulo Galiza
Partido Comunista do Povo Galego
Primeira Linha
Xeira



» ASINA COMO COLECTIVO AQUI!


Difunde!